prensa
 
 

25/9/09

A ESMORGA 1

"O realismo sempre é cruel"
Camilo Franco
La Voz de Galicia 21-9-09

Seguramente "A esmorga" ten un título inocente para todas as cousas que suceden no seu itinerario, para a maneira en que suceden. Non é unha historia tráxica, é unha historia cruel e realista. De realismo cruel.


Sarabela recunca en "A esmorga", e se a primeira vez foi un atrevemento imprescindible, esta segunda é unha reafirmación das necesidades e das intencións, un segundo afeitado que apure aínda máis as posibilidades dunha historia apegada estreitamente á condición humana.
Hai diferenzas no arco dos trece anos que separan unha montaxe de outra, pero corresponden a o campo da linguaxe. non se trata dunha reedición, senón dunha reescrita escénica que conserva todos os corpos dos delitos, pero é máis firme no pulso narrativo. Máis firme na inexorabilidade con que avanza a historia, máis firme porque hai máis aire arredor das accións e porque sen rebaixar esa violencia contundente e viscosa que marca a natureza das cousas están os contrapuntos todos que explican con claridade que "A esmorga" non é unha obra sobre a violencia, senón sobre os porqués da violencia como resposta a circunstancias opresoras.
Na versión actual de Sarabela está contada toda "A esmorga". Vai alén do contado e dos personaxes, hai unha domensión máis de espazo ou de paisaxe moral que vai tomando corpo ao longo dunha proposta que dialoga cos fondos da novela sen entreterse en disquisicións.
Esa firmeza narrativa e a contundencia da realidade que respira a obra evita esa lectura tópica ou apresurada da novela que aínda ten éxito entre unha parte do lectorado profesional: a lectura tremendista. Sarabela aproveita o seu segundo achegamento para poñer aínda máis distancia con reducir a novela de Blanco Amor a unha historia de violencia sen sentido.
A compañía fai un esforzo de estilización para evidenciar a presión do entorno, por colocar a os personaxes na súa xusta circunstancia vital e por rodealos dunha circunstancia que pode ser calquera cousa menos amable. Porque esa é a intención realista de "A esmorga".
A realidade é unha circunstancia cruel, así que o realismo debe ser un argumento cruel. Non é necesario cargalo cos tintes da traxedia para que siga sendo aterrador. É máis cruel así.