prensa
 
 

12/10/07

MACBETH 1

LA VOZ DE GALICIA. 22 de xullo de 2006

OURENSE

DIARIO DE AURIA

XOSÉ CARLOS CANEIRO

( Extracto )


SINTO debilidade por Sarabela. É unha cuestión emocional, sentimental, unha soberbia que me corre cada vez que os contemplo, escoito, admiro. Vin crecer a Sarabela. Actrices e actores que maduraron co tempo e hoxe, hai que gritalo, son o mellor do mellor de Galicia calidade. Son de Ourense. Ganaron premios de todas as cores e formatos e resistiron ao éxito. É un mérito neste país que perdoa todo, incluso o peor fracaso, pero que rara vez sabe desculpar un gran triunfo. Sarabela son dos nosos. Viven no teatro e para o teatro. Teñen na pel sensibilidade, na voz coraxe, e nos ollos unha sinceridade que nestes tempos resulta entrañable. Non vou dicir que o Macbeth que dirixe Helena Pimenta é o mellor dos seus espectáculos, entre outras cousas porque teño a memoria plena de momentos gloriosos de Sabarela. Chorei con eles, rin, sentín, crecín, toquei as nubes e deixeime ir con Sarabela entre bicos. As súas representacións son como gotas de chuvia, lixeiras, frescas, estimulantes. Son artistas, dos de verdade: currantes, rotundamente apaixonados, vocacionais, entusiastas. O seu Macbeth é a única "transgresión" de Shakespeare que realmente chegou á miña alma. Visualmente é espléndido. Fernando Dacosta crea un personaxe imborrable, o mellor Macbeth dos últimos Macbeth. É unha obra actual que non cae na seudorixinalidade modernista que ten asasinado aos clásicos. Exuberante nas formas, efectiva e efectista, plena de vigor durante toda a representación, metafórica, cun texto soberbio, altamente emotiva, electrizante para o noso corazón (tan gastado).
(...)