prensa
 
 

12/10/07

MACBETH 2

LA VOZ DE GALICIA 23 de xullo de 2006

Cultura y TV
CRÍTICA TEATRAL
Moita furia e pouca leria

Camilo Franco

Lamentablemente Macbeth non é unha metáfora. O refinamento do poder vai por parroquias e quizais agora sexa menos sanguento pero non menos violento.
Quizais por eso o Macbeth de Sarabela con Helena Pimenta non queira ser metafórico senón furioso, moi falado e pouco discursivo, moi visual e pouco estetizante. É unha montaxe carnívora que devora aos personaxes nesa descrición, tan actual, da espiral que xenera a propiedade do poder: as grandes palabras son tan mentira como a letra pequena.
A versión ofrécelle ao protagonista unha lixeira cortada co desequilibrio emocional e o seus cambios de carácter poden parecer algo urxentes, pero mostra a poliédrica cara de quen acaba por confundir o manexo do poder coa súa propiedade. Un argumento de longuísima resaca en Galicia.
En certo sentido, Sarabela plántalle cara a esa sucesión de violencias que Shakespeare verbaliza. Vólvelles a contundencia carnal como un afiador fai do metal un instrumento perigoso.
A compañía esquiva facer elipses sobre o carácter violento da obra, busca unha verosimilitude na contundencia escénica con que a obra vai á última batalla de Macbeth intramuros. Hai un deixe épico, pero visual e narrativamente a excelencia da escena e o impacto da escena deixa o final un pouco á baixa. Sarabela vai a Macbeth sen lerias, por demostrarlle ao espectador ata que punto resulta difícil de aceptar que hai algo no humano que é así. Violento, cruel e pouco razoable.